- O TSXG anula a sentenza do crime da rúa do Porto
- A petición feita pola Fiscalía e a acusación particular de repetir o xuízo do crime da rúa do Porto de Vigo foi tida en conta polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). O máximo órgano xurídico galego decidiu anular a sentenza na que un xurado popular absolveu ao autor confeso dos feitos do delito de asasinato e o condenou a 20 anos por un delito de incendio.
- A Nosa Terra, 2009-10-15
Rober Bass, pai do movemento de Facebook 'Tod@s contra o tribunal popular homófobo de Vigo' na rede, que promoveu a repetición do proceso por considerar que o xurado popular tomou unha decisión “homófoba e chea de prexuízos”, amosouse satisfeito coa anulación da sentenza.
“Todos tiñamos claro que o Tribunal Superior de Xustiza ía inclinarse pola anulación do xuízo, pero había que esperar a que se pronunciase”, dixo.
Polo momento o TSXG non indicou os termos nos que se vai a producir o segundo xuízo polo dobre crime da rúa do Porto. “Non sabemos se vai ser cun xurado profesional, como pedíamos, ou novamente cun xurado popular. O que está claro é que grazas ao Facebook o caso non quedou esquecido e agora a opinión pública coincide connosco en que o veredicto non era correcto, porque o asasino non actuou en defensa propia”, explica Bass, que agarda que o novo proceso xudicial se desenvolva dende “o punto de vista da Xustiza, sen miramento nin prexuízos”.
Recurso de apelación
Coa anulación da sentenza o TSXG tivo en conta os recursos de apelación presentados pola Fiscalía e a acusación popular. Ambas partes coincidían en que a sentenza que absolvía a Xacobo P.R. dos delitos de asasinato de dous mozos e o condenaba a 20 anos de cárcere por incendiar a vivenda das vítimas “incumpría” as garantías procesais.
Na sentenza o xurado popular tivo en conta como eximentes de pena o “medo insuperábel” e a “lexítima defensa” do agresor, para absolvelo do delito de asasinato.
No hay comentarios:
Publicar un comentario