- A CIG exixe o arquivo inmediato das dilixencias abertas á compañeira Laura Bugallo
- A central rexeita rotundamente a súa detención durante máis de 48 horas e lembra que está libre e sen acusacións
- CIG, 2009-05-29
A secretaria confederal de Servizos e Afiliación e responsábel do departamento de Migración, Elvira Patiño, e o secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, compareceron en rolda de prensa para reclamar o “inmediato arquivo das dilixencias” que poidan referirse á compañeira do sindicato, Laura Bugallo, detida o pasado martes 26 de maio. “Non aceptamos como se levou acabo a detención da compañeira”, sinalou Patiño, “é unha técnica do departamento de migración á que baixo acusacións xenéricas se retivo durante máis de 48 horas, sen que existise acusación real contra dela e que ademais estivo incomunicada”.
Neste senso, tanto Patiño como Noceda insistiron en que a compañeira Laura Bugallo se atopa en liberdade e sobre ela “non pesa ningunha acusación, segundo se recolle no auto ditado polo xuíz”. “Non entendemos esta actuación policial, este exceso de celo, parécenos unha medida esaxerada e ademais en contra dunha compañeira que leva moitos anos con temas de migración, que está presente en outras moitas loitas, que é moi coñecida, totalmente íntegra e que ten desenvolto o seu traballo nesta central e no departamento de migración sen que nunca houbese acusación ou mal feito que se lle poida imputar”, subliñou a responsábel do departamento.
Actuacións “exquisitas”
A respecto das acusación de suposta falsidade documental contra a sindicalista, Elvira Patiño reafirmou a defensa da actividade departamento de migración da CIG, “que leva funcionando anos e con actuacións exquisitas”, aclarando que o único papel deste servizo é o asesoramento e acompañamento de migrantes e a resolución de recursos ou denuncias por parte da Asesoría Xurídica da central.
A CIG, no departamento de migración, non pode certificar ningún tipo de documentación, agás, a alta de afiliación. As restantes certificación son achegadas por concellos, asociacións, empresas ou a propia policía, razón pola que o secretario comarcal insistiu en que “non é función nin da compañeira Laura nin da central vixiar ou controlar se nos expedientes hai documentos que poidan ser erróneos, esa é función da administración”.
Abundando nesta cuestión Elvira Patiño aclarou que a central sindical non ten capacidade legal certificar nin elaborar documentos, “só axudamos a elaborar os trámites precisos, indicando e colaborando na solicitude dos documentos precisos, e tamén desempeñamos unha función de acompañamento, que foi o único que fixo a nosa compañeira: acompañar e asesorar. Por iso pedimos o inmediato arquivo das dilixencias”.
Así mesmo, sinalouse durante a rolda que no caso de que a administración entenda que existen documentos erróneos nos expedientes, en ningún caso poden ser constitutivos de delicto, “e moito menos se pode xustificar baixo este tipo de cuestións deter a unha persoas durante máis de dous días na comisaría, sobre todo cando hai outras persoas ás que se lles chamou a declarar e nin pasaron pola comisaría nin polo calabozo”, afirmou Anxo Noceda. Hai que lembrar que Laura Bugallo está libre e no auto entregado polo xuíz non se recolle ningún tipo de acusación contra dela, nin tan sequera por unha mínima irregularidade de expedientes.
Comunicación coa defensa da compañeira
O secretario comarcal explicou que durante os primeiros días “acordamos non facer ningunha declaración até non ter un coñecemento real dos feitos, pois había informacións cruzadas e mesmo o avogado da compañeira considerou que era mellor non facer convocatorias públicas”.
Noceda resumiu os acontecementos dos últimos días apuntando que o martes 26 pola tarde tivo coñecemento na propia central comarcal da detención de Laura Bugallo e o rexistro do seu despacho. O mércores declarou en comisaría e non sería até o xoves cando a trasladarían ao xulgado, quedando en liberdade.
Tampouco esqueceu dar un toque de atención aos medios de comunicación lembrando que a acusación inicial era de suposta falsificación documental, pero que neste caso non tiveron o coidado de aclarar que era un “suposto delicto, senón que xa se condenou á compañeira de antemán”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario