2009/05/30

> Elkarrizketa: MariBolheras Precárias > "NON SEPARAMOS A FESTA DA LOITA"

  • MariBolheras Precárias: "Non separamos a festa da loita"
  • MBP empregan o ‘queer’ como arma política para a crítica social, porén que este cuestionamento subversivo atravesa transversalmente as súas inquedanzas e reivindicacións, desbordando as problemáticas de xénero
  • Xornal, 2009-05-30 # Lucía Bello e Anxela Caramés
O colectivo coruñés MariBolheras Precárias (maribolheras.blog.com) participaba a semana pasada na mesa redonda sobre o activismo homosexual, lésbico e transexual no Estado Español dentro do seminario O declive da ortodoxia? En torno ás políticas da diversidade sexual, coordinado por Juan Vicente Aliaga no CGAC, e nestes días está a mobilizarse pola detención da activista trans Laura Bugallo.

MBP é un dos primeiros colectivos queer da península, situado na vangarda do feminismo. Como xurdiu?
En 2004, no contexto político do fraguismo e o vazquismo, o movemento LGTB só tiña como proposta política a institucionalización das relacións de parellas de gais e lésbicas. Parecíanos que iso levaría á desactivación do movemento como motor de transformación social e que era prioritario poñer enriba da mesa a persecución de migrantes, a especulación que sufría o noso barrio, a precariedade laboral ou a loita das persoas trans e intersex, temas que formaban parte da súa axenda política, cada vez máis burocratizada e capturada pola lóxica do mercado.

Cales son os referentes ideolóxicos ou teóricos?
Procedemos do antimilitarismo, o ecoloxismo, a defensa da lingua, o movemento gai ou o independentismo. Na facultade formamos grupos de estudo queer, traíamos á biblioteca de Socioloxía o que se publicaba de Judith Butler e Monique Witting. Tivemos profesoras coas que descubrimos os debates que acontecían dentro do feminismo, Gayle Rubin, Jeffrey Weeks e a escola de libertari@s e radicais sexuais previa á teoría queer. Por entón existía a Radical Gai ou o grupo de lesbianas LSD que iniciaron o movemento queer estatal. Tiñamos as súas publicacións De un Plumazo e Non-grata como referentes, xunto a grupos como Act-Up.

A vosa práctica vital é indisociable da militancia.
Non funcionamos como os vellos colectivos, máis identitarios, con socios, actas e reunións semanais. Somos un grupo informal, case un grupo de amigas, unha equipa vital que desenvolveu unha subxectividade coa que se identifica moita xente. No núcleo duro somos cinco, pero nun momento determinado podemos chegar a ser 200. Traballamos aquí e agora, dende unha perspectiva global, xunto con outros colectivos de Monte Alto, vencellados a experiencias como o CS Atreu! ou a Casa das Atochas. A especulación e a precariedade aféctannos a todas.

E esta labor en rede esténdese cara ao estranxeiro?
Estamos na Rede polo Descontrol de Xénero e Sexual, onde colaboramos con grupos con políticas e modos de facer afíns, e cun tipo de traballo en rede local similar ao noso. Ten un potencial enorme á hora de convocar accións comúns en diferentes cidades, como sucedeu coa campaña contra o xuizo homófobo do asasino de Julio e Al-Dani, con protestas organizadas desde Vigo a Nova York.

A imaxe de MBP poderíase cualificar de corporativa, no bo sentido.
Tratamos de fuxir de referentes panfletarios. Non queríamos utilizar simboloxías reiterativas e clásicas, vacias de contido real. Queríamos crear un imaxinario propio, que falase de nós mesmas, que reflectise un activismo oposto aos vellos sacrificios militantes. Unha simboloxía lúdica, que reflectise o contundente e o orixinal das nosas prácticas políticas, como os maribingos recuperados das reunións das avóas. Os nosos referentes estéticos viñan de grupos como Gran Fury o Act-Up, onde artistas e activistas producen mensaxes impactantes a través da cartelería, a fotografía ou o collage, e tamén admiramos aos artistas Del LaGrace Volcano e Slava Mogutin.

Cuestionades o institucionalizado, de aí as campañas alternativas para o Día do Orgullo Gai que organizades desde hai catro anos.Que estades a preparar para o 28 de xuño?
Non separamos a festa da loita. Imos tomar as rúas defendendo os nosos corpos e praceres fronte ás morais alleas. O lema é “Dálle pracer ao corpo: a súa moral danos igual”. Vai ser unha mani-festa-acción aberta a todas as nosas redes e colectivos. Estades todas convidadas. Sairemos o sábado 27 de Xuño do Campo de Marte da Coruña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario