2009/05/31

> Berria: Feminismoak > DO FEMININO AO FEMINISTA

  • Do feminino ao feminista
  • Na arte galega actual cada vez con máis frecuencia perséguese transgredir as férreas e patriarcais normas de xénero e de sexualidade. Son artistas que cuestionan os roles preestablecidos de home e de muller, rexeitando categorías e actitudes coercitivas
  • Xornal, 2009-05-31 # Anxela Caramés
No panorama creativo galego destes últimos anos tense dado unha positiva evolución cara plantexamentos feministas que cuestionan a relación sexo-xénero supostamente dada pola natureza, entendendo o poder que o social ten na construción, polo tanto cultural, desas identidades. Así, nun primeiro momento, durante os anos setenta, as artistas comezaron a traballar nunha liña máis esencialista, isto é, en torno ao concepto do feminino, reivindicando por unha parte o corpo, que sempre fora tratado como obxecto para convertirlo en suxeito, e por outra, o mundo íntimo e privado da muller; uns modos de facer que normalmente perténcelles ás xerazóns anteriores, que con todo se manteñen nun continuum feminino que chega ata hoxe, como no caso de Andrea Costas. E de aí ata o momento presente no que as e os artistas máis xoves cuestionan esa unicidade universal para falar de múltiples subxectividades, xa desvencelladas aos roles de xénero, os cales son tradicionalmente considerados como binarios, é dicir, opostos e contradictorios, máis que complementarios, da masculinidade e a feminidade.

Este tránsito deixouse ver na continuación da xa histórica A arte inexistente. As artistas galegas do século XX, comisarida por Rosario Sarmiento tamén para o Auditorio de Galicia; isto é, Marxes e mapas. A creación do xénero en Galicia, na que Chus Martínez e Xose Manuel Lens buscaban xerar reflexión sobre o feito de ser muller e artista. O certo é que ambas funcionan a modo de contenedor visibilizador das artistas galegas -o cal é importante- independentemente de que os seus intereses sexan ou non feministas. Non obstante, e xa nunha perspectiva máis posicionada criticamente -malia sen pretender adscribirse aínda a categoría de feminista-, fixéronse outras exposicións que abordaron problemáticas como a violencia de xénero en Fisuras do cotiá. 9 narradoras no relato da violencia, do devandito tandem comisarial, a ruptura e a rebeldía ante os estereotipos femininos que amosa Boas pezas ou a precarización do traballo textil das mulleres neste mundo “glocalizado” que denuncia Maquila Boutique, ambas as dúas concebidas pola artista e profesora universitaria Mar Caldas.

Precisamente da factoría pontevedresa é de onde están a saír artistas novas que non dubidan en falar alto e claro sobre temas de xénero, aparte das xa máis coñecidas María Ruido ou Carme Nogueira, para as cales as claves dos feminismos vertebran e actúan como un eixe que atravesa os diversos temas do seu obxecto de interese: a memoria, o mundo laboral en relación ás mulleres, os usos do espazo público e privado... cada unha na súa liña de traballo persoal: a primeira a través da performance nos seus inicios e últimamente mediante o vídeo documental frente as intervencións-instalacións da segunda, nas que a interacción co tecido social e o traballo co contexto local eríxense como parte definitoria do proceso aberto das súas propostas creativas. Ou galegas formadas fora como é o caso de Sabela Dopazo Vieites, integrante do colectivo O.R.G.Í.A. (Organización Reversible de Géneros Intermedios e Artísticos), xurdido en Valencia, especialmente interesado na hibridación en tódalas as súas vertentes, nas prácticas drag-king ou o hirsutismo feminino. Mais volvendo a facultade galega Belas Artes, atopámonos uns novos linguaxes, máis próximos a teorías construccionistas e queer, que veñen dados en grande medida polas ensinanzas da vizcaína Yolanda Herranz, cun traballo conceptual centrado en xogos lingüísticos deconstructivos en clave feminista, da cántabra Chelo Matesanz, que resignifica a costura nunha crítica a esa labor asignada ao “anxo do fogar”, de Xoan Anleo cos seus cuestionamentos acerca da masculinidade hexemónica ou de Xose Manuel Buxán Bran na súa implicación coa imaxinería homoerótica.

Deste modo xurden artistas como a ovetense Mónica Cabo, adicada a visibilización do desexo lésbico e o cuestionamento subversivamente queer dos xéneros, ao igual que algúns traballos fotgráficos de Raquel Durán, así como os bodegóns de dildos e obxectos de limpeza que constrúe a vallisoletana Sara Sapetti, ou a ironización dos estereotipos das esceas domésticas presente nas fotografías de Maribel Castro, nos debuxos de Natalia Rey ou nos bordados de “El ama de casa pervertida” (Cris Carvalho e Pablo Huertas), así como a reutilización de bonecos e a reciclaxe de obxectos cargados de historias persoais que fan Antía Moure ou “Las pingüinas” (Sara García e Natalia Umpiérrez). Con todo, noutros casos, como o de Rita Rodríguez, que apesar de ter comenzado a traballar artisticamente nun colectivo feminista, “Cállate, zorra!”, na súa traxectoria este substracto é difícilmente rastreable, a no ser na perfomance Kiss me -na cal solicitaba aos visitantes da Catedral de Santiago que a bicasen, a modo de limosna, nos beizos pintados de vermello, o único espazo baleiro que permitía a bolsa de lixo que a cubría- ou nun proxecto colaborativo no que anda metida agora.

Por último, cómpre sinalar unha obra que nestes días cobra especial vixencia por un asunto realmente desafortunado; estoume a referir a Asuntos Internos, de Xoan Anleo e Uqui Permui, seleccionada por Juan Vicente Aliaga para o ciclo de proxeccións “Relendo o mito e a historia con ollos raros” que tivo lugar no CGAC ao longo destas dúas últimas semanas. Nesta peza videográfica entrevistan a mulleres que retan dalgún modo aos roles de xénero convencionais, como unha das poucas mariñeiras que chegan a traballar nese medio, ou por outro lado, a coñecidas activistas galegas, como a sindicalista Laura Bugallo, presidenta de TransGaliza. Xustamente coincide que ela foi detida o mércores pasado, acusada dun suposto delito de falsificación nos papeis dos migrantes aos que axuda a tramitar os seus permisos de residencia, a maioría deles traballadoras sexuais.

Afortunadamente ás veces a arte baixa do seu pedestal para contribuír aos cambios sociais e políticos, aparecendo como ferramenta de lanza no sentido que Adorno otorgáralle á crítica cultural, porque non debemos esquecer que a construción de imaxinarios propios resulta imprescindible para promover calquera transformación, ou incluso revolución, do tipo que sexa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario